O PP culpa a Abel Caballero do rexeitamento da Deputación á comarcalización dos bombeiros

Pontevedra
09 de xaneiro 2018

Os populares sinalaron ao parque local pontevedrés como "o exemplo máis claro de que a comarcalización deste parque é o idóneo para dar cobertura a aqueles  concellos afectados" e que poderían dispoñer dun servizo de emerxencias en menor tempo  

Alcaldes e voceiros municipais do PP no parque de bombeiros de Pontevedra
Alcaldes e voceiros municipais do PP no parque de bombeiros de Pontevedra

O Partido Popular culpou ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, do rexeitamento da Deputación de Pontevedra á comarcalización dos parques municipais de bombeiros.

Ante a porta de acceso ao Parque de Bombeiros de Pontevedra compareceu este martes o portavoz do grupo provincial do Partido Popular, Ángel Moldes xunto aos alcaldes populares da Lama e Campo Lameiro, a alcaldesa de Moraña e os portavoces municipais do PP nos concellos de Ponte Caldelas, Barro, Marín, Soutomaior e Poio.

Os populares sinalaron ao parque local pontevedrés como "o exemplo máis claro de que a comarcalización deste parque é o idóneo para dar cobertura a aqueles  concellos afectados" e que poderían dispoñer dun servizo de emerxencias en menor tempo. 

Ángel Moldes reiterou o "compromiso total" da Xunta con esta iniciativa xunto á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e tres das catro deputacións provinciais, "todas menos a de Pontevedra" para avanzar na comarcalización dos parques de bombeiros das grandes cidades como unha das fórmulas para "resolver un problema histórico" como é o excesivo tempo de resposta nas emerxencias.

 "se isto non se fai é porque o alcalde de Vigo, Abel Caballero, non quere"

"Sabemos que o culpable non é o alcalde de Pontevedra", dixo Ángel Moldes, que asegura "se isto non se fai é porque o alcalde de Vigo, Abel Caballero, non quere" o que a xuízo do portavoz do PP provincial "demostra que quen manda na Deputación non é Carmela Silva" senón o rexedor da cidade olívica.

Segundo argumenta o PP, "non ten ningunha explicación" o desmarque do goberno provincial dos plans de comarcalización dos parques municipais de Pontevedra e Vigo cando "hai alcaldes de todas as cores políticas que o reclaman" polo que conclúen que "a presidenta da Deputación goberna de costas aos alcaldes da provincia".

"A día de hoxe cando existe algún tipo de problema e os bombeiros non chegan a única responsable política é a presidenta da Deputación", acusou Ángel Moldes. 

O portavoz popular fixo un "chamamento" ao vicepresidente da administración provincial, o nacionalista César Mosquera para que "exerza o seu peso político" para que os seus socios de goberno cambien de postura respecto deste tema.

No próximo pleno da Deputación o Partido Popular defenderá unha moción "pensada nos veciños de toda a comarca de Pontevedra" na que instan o goberno provincial a sumarse a esta iniciativa para  comarcalizar os parques de bombeiros municipais e que participe economicamente no seu desenvolvemento nas zonas de sombra en materia de emerxencias.

A moción tamén pide que a Deputación aprobe en pleno, do mesmo xeito que fixo a de Lugo e anunciou que fará a da Coruña, as condicións establecidas pola Xunta de Galicia para o pase dos servizos de bombeiros a xestión directa e que esa aprobación permita avanzar na homoxeneización dos salarios dos bombeiros dos consorcios provinciais.

RESPOSTA DA DEPUTACIÓN

O deputado provincial Carlos López Font respondeu as críticas do PP e as súas demandas sobre a comarcalización dicindo que "é unha absoluta vergoña" que o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o grupo provincial do PP "tarden todo un ano en decatarse que para empezar a falar de comarcalización teñen que falar antes cos  concellos". 

Font referiuse igualmente "a segunda marcha atrás do vicepresidente" que acaba de sinalar que os dous millóns de euros que dispuxo a Xunta para a comarcalización poderían ser incrementados. O responsable socialista pediu coñecer "o modelo do que fala" a Xunta e que se aclare "cantos recursos serían necesarios?", preguntou o deputado. 

Font tamén se referiu á posibilidade da que fala o PP de que co seu modelo de comarcalización o servizo podería volver ser público. "Pódese ter maior descaro que falen deste tema os mesmos que deron a concesión por oito anos únaa empresa privada antes de saír do goberno provincial, pero como se atreven?", declarou Font. 

O deputado tamén engadiu que "ninguén entende" que os alcaldes do Partido Popular acepten un proxecto que, "tal e como se anuncia, non cumpre coas   isocronas e deixa zonas de sombra sen cobertura" e criticoulles que "en lugar de defender aos seus veciños e veciñas prefiran defender a Rueda e ao seu partido contra os intereses dos seus  concellos".