O voceiro do grupo provincial do PP de Pontevedra, Ángel Moldes, lamenta o atraso que leva a Deputación en materia de emerxencias con respecto ás demais institucións provinciais e atribúe a situación á postura da presidenta, Carmela Silva, que "está totalmente desaparecida".
Moldes critica que Carmela Silva chegou á Deputación de Pontevedra coa promesa de transformar o servizo de emerxencias e que pasase a xestionarse directamente pola administración, pero "agora nin está nin se lle espera" mentres as deputacións de Lugo e A Coruña se están coordinando coa administración autonómica.
O PP cre hai varias razóns para o mutismo de Carmela Silva. A primeira é que o goberno provincial nunca pensou que a Xunta de Galicia fose permitir a xestión directa dos parques. A segunda sería que a xestión directa non sexa, como ela dixo en varias ocasións, menos custosa que a indirecta.
Moldes insiste na súa desconfianza sobre os informes dos técnicos aos que a Deputación non deixa que acceda o Partido Popular, convencido de que "din o contrario do que dixo ata o momento Carmela Silva publicamente", de maneira que nin o servizo resultaría máis barato nin se garante que se manteñan todos os postos de traballo actuais.
O voceiro do PP indica que o que si está demostrado con feitos e á vista da pouca colaboración da Deputación de Pontevedra é que non teñen ningún interese en mellorar o servizo de emerxencias na provincia. Engade que o único que fixo a institución provincial ata o momento foi "instrumentalizar politicamente o tema de bombeiros".
Ademais, ve nulo interese da Deputación en abordar a comarcalización dos parques de bombeiros da provincia e, na súa opinión, o que deixa ver esa actitude é que a prioridade é confrontar coa Xunta de Galicia e que mellorar o modelo de emerxencias non lle interesa en absoluto se iso supón chegar a acordos coa administración autonómica.