O grupo municipal do Partido Popular esixiu ao goberno local de Pontevedra a implantación da rede saneamento en todas as vivendas do rural pontevedrés tras comprobar que ao redor de 20 casas de Verducido quedan fóra do proxecto presentado pola empresa concesionaria, Viaqua. Esta situación tamén se repite nas parroquias de Campañó e de Santa María de Xeve.
O portavoz popular, Rafa Domínguez, valorou que resulta "incomprensible que haxa vivendas ás que se lles vaia a seguir negando este servizo en pleno século XXI".
Desde as filas populares afirman que nin no anteproxecto, nin no prego de prescripcións técnicas do contrato asinado polo Concello de Pontevedra coa empresa concesionaria figura a obrigatoriedade de implantar o servizo de saneamento no 100% das parroquias.
"Continuarán discriminando a veciños das nosas parroquias", lamentou o portavoz dos populares.
Por iso, o PP presentará unha moción no próximo pleno municipal reclamando a implantación deste servizo en todas as vivendas das parroquias de Pontevedra. Ademais solicitan que se expoña en Comisión de Mobilidade e Infraestruturas os proxectos para que os demais grupos municipais poidan facer suxestións.
Por último, nesta moción, tamén se esixe ao goberno local que expoña os proxectos en cada unha das parroquias para que veciños, asociacións e colectivos poidan consultalos e facer achegas antes de que se apruben definitivamente.