O Partido Popular denunciou este luns a paralización do proxecto de ensanche e mellora da estrada EP-0405, entre Xesteira e Almofrei, en Cerdedo-Cotobade, e o fixo coa colocación de dun novo cartel que "evidencia a parálise total do bipartito da Deputación", sinalaron desde o grupo provincial.
Os deputados do PP, Nidia Arévalo, Ángel Moldes e Luis Aragunde, acompañaron ao alcalde presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, que criticou que "é unha decisión absolutamente política, xa que o proxecto estaba aprobado no pleno provincial por unanimidade, tiña reserva de crédito e estaba xa en fase de adxudicación".
Por iso acusou ao novo goberno da Deputación de "dar as costas a unha demanda histórica deste lugar", xa que é unha estrada cun trazado moi estreito e con moitas curvas.
Outra vez máis os populares puxeron un cartel co que quixeron "simbolizar" o que era antes a Deputación cando estaba presidida por Rafael Louzán, "e no que se ten convertido na actualidade".
Pola súa parte, Ángel Moldes recordou que o grupo provincial preguntou no pleno ao goberno provincial ata en tres ocasións e presentou dúas mocións interesándose pola execución deste proxecto, "pero sempre nos deron a mesma resposta, que a obra non estaba parada senón que estaba cumprindo unha serie de procesos administrativos".
Finalmente, os populares fixeron un chamamento ás agrupacións locais do PSOE e do BNG, para que "se posicionen e amosen que antes de defender os argumentarios do seu partido, van estar ao lado dos veciños de Almofrei, reclamando e defendendo os seus intereses".
O proxecto de ensanche e ampliación desta estrada provincial ascendía a 1,1 millóns de euros, pero a obra dividiuse en dúas fases. A primeira, por importe de 608.679,98 euros, sacouse a concurso en xuño de 2015, cun prazo de execución de seis meses e incluía o ancheamento da calzada, a creación de beirarrúas e a mellora do firme, drenaxe e sinalización.