O PP critica os "tres anos de ineficacia e sectarismo" da Deputación de Pontevedra

Pontevedra
30 de xullo 2018

Unha das críticas máis repetidas foi o "postureo" do goberno da Deputación así como a súa "incapacidade de xestionar de forma eficaz" o diñeiro público. Tamén se cuestionou a "nula  trasparencia" desta institución e a súa "falta de independencia política"

O PP fixo balance da xestión do bipartito na Deputación de Pontevedra
O PP fixo balance da xestión do bipartito na Deputación de Pontevedra

O grupo provincial do Partido Popular organizou este luns un acto con alcaldes e colectivos da provincia para facer balance dos "tres anos de ineficacia e sectarismo" do goberno bipartito da Deputación de Pontevedra, conformado polo Partido Socialista e o BNG.

Unha das críticas máis repetidas foi o "postureo" do goberno da Deputación así como a súa "incapacidade de xestionar de forma eficaz" o diñeiro público. Tamén se cuestionou a "nula trasparencia" desta institución e a súa "falta de independencia política".

O PP tiña previsto celebrar este acto nos Xardíns de Vicenti, fronte á porta da Deputación, pero a choiva rexistrada este luns en Pontevedra obrigou ao seu traslado á sede do partido que quedou pequena ante a gran cantidade de representantes de diversos colectivos que acudiron á cita.

O acto estivo conducido polo portavoz provincial do PP, Ángel Moldes que deu paso ás distintas persoas que foron relatando as súas experiencias coa administración provincial. "Este balance é o que non lle gusta escoitar nin a Carmela Silva nin a César Mosquera, non queren escoitar estas opinións, pero esta é a realidade da provincia", dixo Moldes.

O primeiro en comentar o seu caso foi o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín quen personalizou na presidenta provincial, Carmela Silva o "postureo" e citou como exemplo o "presumir do ben que vai o turismo" grazas ao labor do seu goberno sen recoñecer a "os que verdadeiramente traballan para que o turismo vaia ben que son os profesionais que se dedican a iso, son os empresarios".

Antonio Castro, concelleiro en Tui tamén criticou o "exceso de protagonismo" do goberno provincial durante a catástrofe orixinada pola explosión de material pirotécnico ocorrida o pasado 23 de maio en Paramos e reprochou que "seguimos esperando polas axudas da Deputación" lanzando a pregunta "se agora non nos apoia, para que a queremos?".

Tamén interveu a deputada popular Elena Muñoz que fixo unha análise da xestión económica da Deputación para concluír que esta foi "ineficaz". Pola súa banda, o deputado provincial e alcalde de Redondela Javier Bas destacou que o seu é o concello máis transparente de Galicia e sinalou que a Deputación suspende neste apartado, algo que considerou como "normal, cunha presidenta como Carmela Silva, incapaz de dar a cara e render contas ante os veciños".

No caso de Vilanova de Arousa, o alcalde Gonzalo Durán, explicou que o seu Concello xa presentou dúas denuncias contra a Deputación e que a presidenta aínda non o recibiu despois de solicitar varias entrevistas con ela. Pola súa banda, José Iglesias, representante da Asociación Galega de Técnicos en Emerxencias Sanitarias, lembrou que a Deputación "non escoitou" os seus criterios profesionais sobre a colocación "indiscriminada" de resaltos nas estradas provinciais.

Como resumen o alcalde da Estrada, José López Campos destacou que "o único que nos move aos alcaldes é defender os intereses dos nosos veciños" e lamentou que a Deputación, "que sempre foi a mellor aliada dos concellos, agora co bipartito de Carmela Silva, xa non o é".