O Partido Popular volve á carga cos terreos do novo edificio xudicial da Parda. Denuncian o que consideran "mentiras e falsidades" do goberno municipal neste asunto. Aseguran que a pesar dos múltiples anuncios do Concello de Pontevedra de que os terreos xa eran municipais e que se porían a disposición da Xunta, "resultou todo falso", segundo explica Jacobo Moreira nun comunicado de prensa.
Di Jacobo Moreira que a pesar de que o goberno local anunciou que procedera a abonar aos propietarios os pagos correspondentes polo terreo destinado á construción do futuro edificio xudicial da Parda, "é todo mentira". Afirma que en primeiro lugar porque "nin sequera se chegou a un acordo con todos os titulares", e que por outra banda "os días pasaron e pasaron ata acumular xa seis meses sen que a administración autonómica teña o terreo".
Explica Moreira que o equipo de goberno aínda comunicou formalmente á Xunta a decisión que adoptou o 18 de febreiro pasado para "iniciar o expediente de cesión", un acordo do que se congratula publicamente o Partido Popular "pero que en realidade, polo visto ata hoxe, non pasou dunha simple declaracións de intencións". A realidade, di o voceiro popular, "é que seis meses despois de que anunciaran que todo estaba feito, a Xunta aínda non ten os terreos e por conseguinte non pode iniciar os trámites previos á contratación e execución das obras".
O voceiro municipal do PP considera "revelador" que concelleiros do equipo de Miguel Fernández Lores "leven medio ano dicindo que a parcela xa é municipal a sabendas de que é mentira". Moreira di que non lle consta nin sequera que a situación das dúas fincas que siguen en mans do Adif mudara, "pois incluso o Concello veu recoñecer de xeito indirecto a súa incapacidade neste asunto ao solicitar a colaboración da Consellería de Presidencia, o organismo que precisamente está a esperar polas parcelas para construír o edificio".
A "ineptitude municipal neste caso resulta determinante", continúa Jacobo Moreira, "dado que o convenio asinado no seu día, nada menos que en maio de 2010, especificaba que era necesaria a cesión da totalidade da superficie afectada polo proxecto, incluído o espazo do Adif, e tecnicamente a Xunta de Galicia non pode levantar un inmoble propio se non ten a propiedade do solo".