O PP critica o "desprezo" do Concello de Poio ao 25 aniversario do Bosque de Colón

Poio
05 de decembro 2017

O presidente do PP de Poio Ángel Moldes, acompañado da concelleira Rocío Cochón, quixo celebrar este martes a efeméride da plantación de 500 exemplares de sequoias por estudantes estadounidenses e poienses no Bosque de Colón hai 25 anos

Ángel Moldes e Rocío Cochón no "Bosque de Colón"
Ángel Moldes e Rocío Cochón no "Bosque de Colón" / PP de Poio

O presidente do PP de Poio Ángel Moldes, acompañado da concelleira Rocío Cochón, quixo celebrar este martes a efeméride da plantación de 500 exemplares de sequoias por estudantes estadounidenses e poienses no Bosque de Colón hai 25 anos.

O 4 de decembro de 1992, o conselleiro de Agricultura, Tomás Pérez (en representación do presidente da Xunta, Manuel Fraga, que cancelou a súa presenza no último momento polo accidente do Mar Egeo, na Coruña), o embaixador de Estados Unidos en España, Richard Goodwin Capen, Jr.; o presidente da Deputación de Pontevedra, César Mera, os alcaldes de Poio, Armando Couselo, e Pontevedra, Francisco Cobián presidiron a inauguración do Bosque de Colón.

Era a arboreda de sequoias máis grande de Europa, en dúas hectáreas do Monte Castrove cedidas ao efecto pola comunidade de montes de San Xoán de Poio.

O Bosque de Colón, poboado con 500 exemplares de sequoia vermella californiana foi un agasallo do goberno dos Estados Unidos aprobado en resolución conxunta das dúas cámaras lexislativas estadounidenses e ratificado polo presidente George Bush, en conmemoración do 500 aniversario da viaxe de Cristóbal Colón.

Moldes lamentou o esquecemento deste fito por parte do goberno local de Poio e o "absoluto desprezo que amosou o executivo local a este feito e ao tesouro natural e cultural que representa o Bosque de Colón", despois de que, por iniciativa do PP, se declarase 2017 como Ano do Bosque de Colón e exemplificou este "desprezo por parte do bipartito" na ausencia de celebracións, actos ou declaracións conmemorando esta data histórica.