As obras de remodelación da ponte do Burgo provocaron no seu momento que se eliminase para a circulación rodada a rotonda que se atopaba xunto á gasolineira, unha decisión que agora criticou o Partido Popular de Pontevedra.
O seu portavoz local, Rafa Domínguez, acompañado dos concelleiros da súa formación Pablo Fernández e Martín Martínez e de varios veciños do barrio, visitou na tarde do mércores a zona para comprobar o que cualifica de problemas de tráfico e tránsito.
A supresión da rotonda fai que os condutores que por alí circulan teñan que ir ata a Avenida de Compostela por unha banda ou a ponte das Correntes polo outro para virar e "isto provoca que se dificulte a circulación e crense caravanas innecesarias", sostén Domínguez.
A esta situación, engade o PP, súmase o mal estado do viario e tamén dos aparcamentos disuasorios que alí se atopan e que son usados cada día por un gran número de condutores.