Miguel Tellado, secretario xeral do Partido Popular de Galicia, realizaba este xoves 11 unha análise da actuación do goberno de Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta de Galicia na zona de Pontevedra, acompañado polos deputados Jacobo Moreira e Jesús Goldar.
Tellado fixo unha mención inicial á onda de incendios que está a sufrir a provincia durante esta semana sinalando que 7.000 profesionais traballan na extinción de incendios e reclamou a unidade dos galegos para facer fronte a esta situación.
A continuación, o secretario xeral do PPdeG fixo referencia ao Bloque Nacionalista Galego e en concreto aludiu ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a quen vencellou directamente cos resultados que obteña o actual concelleiro do seu goberno, Luís Bará, nas próximas eleccións autonómicas nas que figura como cabeza de lista por Pontevedra. Segundo Tellado, Lores non poderá continuar coa súa estratexia de "desmarcarse do BNG galego" e neste sentido apuntou que un mal resultado dos nacionalistas significaría un revés para o alcalde da capital.
Jacobo Moreira, pola súa banda, destacou os investimentos realizados polo goberno da Xunta en Pontevedra e subliñou a sinatura do convenio para a construción do Gran Montecelo, co investimento de 130 millóns de euros. Ademais, tamén fixo referencia ao novo edificio xudicial do mesmo xeito que á creación das escolas infantís duplicando no últimos sete anos a oferta de prazas alcanzando a cifra de 668.
O portavoz popular no Concello de Pontevedra tamén destacou a cesión do antigo edificio administrativo da Xunta situado en Benito Corbal para que poida ser utilizado por diferentes colectivos da cidade e pola Universidade de Vigo.