O PP cre que "é o momento" para unha Casa da Cultura no edificio de Facenda

Pontevedra
22 de setembro 2018

Tras coñecerse a decisión do Ministerio de Facenda de retirar do mercado o inmoble situado nas inmediacións da praza da Ferrería e darlle un uso público, o presidente local e portavoz municipal Rafa Domínguez considera que "este é o momento de facer unha proposta en positivo que beneficie a todos os veciños da nosa cidade"

Edificio de San Francisco (Antiga delegación de Facenda)
Edificio de San Francisco (Antiga delegación de Facenda) / Mónica Patxot

O grupo municipal do Partido Popular levará ao pleno municipal do vindeiro 28 de setembro, a través dunha moción, a súa proposta para a creación da Casa da Cultura co nome de Alexandre Bóveda, "un espazo no que acoller todos os sectores involucrados neste eido e a formación dun clúster cultural como elemento catalizador da creación de riqueza".

Tras coñecerse a decisión do Ministerio de Facenda de retirar do mercado o inmoble situado nas inmediacións da praza da Ferrería e darlle un uso público, o presidente local e portavoz municipal Rafa Domínguez considera que "este é o momento de facer unha proposta en positivo que beneficie a todos os veciños da nosa cidade".

Domínguez dixo que os populares "queremos que a cultura aumente o seu peso como un dos motores económicos da cidade".

Tal e como anunciou o pasado mes de agosto, nunha comparecencia na que estivo acompañado por Ana Isabel Vázquez, membro da súa executiva, o edil popular insiste en que este edificio deberá contar cunha biblioteca municipal especializada en literatura infantil e xuvenil, en literatura galega e no cómic para nenos e adultos.

Así mesmo, se contará con varias salas de exposición, cun salón de actos e cun centro interxeneracional e inclusivo no que desenvolver múltiples actividades. Se adaptaría ademais un espazo para albergar os arquivos municipal, provincial e histórico. "Sería todo un referente en Galicia", destacou o presidente dos populares.