A Deputación de Pontevedra vén de convocar unha sesión plenaria extraordinaria para o próximo luns día 20 de novembro ás 13:00 horas para votar unha moción en "defensa da Constitución Española, a igualdade dos españois e o respecto ao estado de dereito e á democracia".
O goberno provincial xustifica o motivo desta convocatoria no acordo entre os partidos PSOE, Junts e Esquerra Republicana de Catalunya "para a aprobación dunha lei de amnistía impulsada co obxectivo da investidura do presidente do Goberno de España".
O grupo provincial do PP toma esta iniciativa "ante o ataque ao Estado de Dereito e a democracia que está sufrindo España", segundo di o voceiro popular Jorge Cubela, "só pola soberbia e as ansias de manter a cadeira que ten Pedro Sánchez".
Os populares apoiarán a moción, "amosando así a súa firme adhesión á Constitución española de 1978 que hoxe segue plenamente vixente e que mantén viva a unidade de España, a monarquía parlamentaria, a separación dos poderes executivo, lexislativo e xudicial e proclama a liberdade, a xustiza, a igualdade e o pluralismo no noso país".
"Pedro Sánchez cambia os votos que necesita para ser presidente do Goberno por máis de 15.000 millóns de euros dos impostos de todos os españois. Un prezo que pagarán todos e que vai converter aos españois en cidadáns de primeira e de segunda porque o que se condone aos independentistas, implicará unha diminución nos servizos públicos", indicou o voceiro do PP, Jorge Cubela.
Os populares consideran que "os españois non teñen por que asumir esta humillación de estar vendo como o candidato para presidir o Goberno de España estase rendendo ante os desexos dos independentistas".
Jorge Cubela lamentou que se estea "quebrando a igualdade dos españois ante a lei e dinamitando os cimentos da separación de poderes ante a carta branca de Sánchez aos independentistas para romper España".
"Pedro Sánchez está traspasando liñas vermellas e non o imos consentir. As súas decisións están provocando a indignación e a vergoña dun país entero con decisións inaceptables, inexplicables e moi difíciles de dixerir por parte de todos os españois", rematou.
O BNG NON ASISTIRÁ
O grupo do BNG na Deputación anunciou que non acudirá a este Pleno extraordinario. O portavoz do grupo nacionalista, César Mosquera, destaca que o pleno "unicamente responde aos intereses e á campaña do Partido Popular a nivel estatal para deslexitimar, xunto a VOX, o novo goberno do Estado".
Destaca que con este movemento os ‘populares’ queren apropiarse politicamente das institucións nas que gobernan. Insiste o portavoz nacionalista en que o PP fai un "uso perverso" da institución provincial "de maneira descarada" ao convocar por un tema "alleo á provincia", sendo tamén "perverso" facelo por urxencia e de maneira extraordinaria.
Lembra o voceiro do BNG que xa existe un pleno ordinario convocado para o vindeiro venres 24 "no que a moción do PP podería ter cabida perfectamente e ser debatida por todos os grupos sen a necesidade de buscar xiros efectistas e por conveniencia partidista para dar máis rebumbio á súa campaña particular de descrédito do novo executivo estatal".
Mosquera salienta que a actuación do actual grupo do PP na Deputación "non ten parangón", polo que o BNG porá de manifesto oficialmente a "máxima e enérxica protesta" pola situación. Confirmou tallante que o BNG non vai seguir o xogo. "O BNG non vai participar nos actos do PP", subliñou.