O PP considera que o proxecto da Deputación para o Museo é "desproporcionado" e "un capricho do vicepresidente"

Pontevedra
18 de abril 2021

A deputada Pepa Pardo pide un novo proxecto "menos faraónico e agresivo coa contorna" e asegura que "hai un rexeitamento frontal a este proxecto subterráneo". Cita a arquitectos de recoñecido prestixio, técnicos, comerciantes e veciños e indica que "todos din non a este proxecto e están reclamando que a Deputación estude outras opcións"

Pepa Pardo e Jorge Cubela diante do Museo de Pontevedra
Pepa Pardo e Jorge Cubela diante do Museo de Pontevedra

O grupo provincial do Partido Popular de Pontevedra amósase en desacordo co proxecto presentado pola Deputación Provincial para a unión subterránea dos edificios do Museo de Pontevedra e pide á institución provincial que explore novas alternativas para poñer en valor e recuperar os edificios centrais desta institución cultural.

A deputada do PP Pepa Pardo considera que a proposta da reforma subterránea dos emblemáticos edificios do Museo que propoñen é "desproporcionada", ademais de "excesivamente custosa en tempos de pandemia" e pensa que se trata dun "capricho do vicepresidente" da Deputación, César Mosquera que, ademais, "vai comprometer todo o centro histórico da cidade".

Ante esta opinión, Pardo pide á Deputación un novo proxecto "menos faraónico e agresivo coa contorna". Pide que se faga un proxecto alternativo que sexa "respectuoso, menos custoso" e que poña en valor o Museo de Pontevedra.

Ademais, a deputada do PP  pide aos representantes da Deputación bipartita PSOE-BNG que escoiten á cidade, pois asegura que "hai un rexeitamento frontal a este proxecto subterráneo". Así, cita a arquitectos de recoñecido prestixio, técnicos, comerciantes e veciños e indica que "todos din non a este proxecto e están reclamando que a Deputación estude outras opcións".

Segundo Pepa Pardo, estes colectivos xa teñen recollidas máis de 1.000 firmas, "unha mostra clara e contundente de que Pontevedra non quere este proxecto" e pregunta á Deputación "que sentido ten seguir adiante cun proxecto que ninguén quere, en lugar de escoitar á cidade e abrirse á posibilidade de analizar novas alternativas".

Pepa Pardo amósase convencida de que "de seguro que hai moitas outras posibilidades para poñer en valor" os edificios centrais do Museo de Pontevedra e anuncia que o PP presentará no pleno ordinario deste mes na Deputación de Pontevedra unha moción para reclamar que se estude e valore un proxecto alternativo e que "dunha vez por todas dean unha solución" aos tres edificios que constitúen o corazón do Museo de Pontevedra, que pecharon en 2014 para reformar e que "este Goberno provincial deixou caer no esquecemento".