O PP de Pontevedra comprometeuse cos veciños do barrio da Seca a ser "firme" na súa esixencia ao Goberno local de que non existan en Pontevedra "cidadáns de primeira e de segunda, en función do barrio no que vivan".
"Se pagan os mesmos impostos que os do centro da cidade, teñen os mesmos dereitos", sostivo a concelleira Pepa Pardo tras visitar o barrio da Seca cos tamén edís do PP Silvia Junco e Gerardo Pérez.
Os concelleiros reuníronse cos veciños e informáronlles de que o PP incluíu na negociación da modificación de crédito un compromiso para que o Goberno local execute a humanización completa deste barrio e "poña fin a dúas décadas de abandono e desprezo a un barrio marxinado polo alcalde".
Critican que o 26 de febreiro o PP logrou o apoio unánime da corporación municipal para reclamar a humanización da Seca pero, catro meses despois, o Concello de Pontevedra non realizou ningunha actuación, por iso é polo que decidiron poñer esta actuación como "condición indispensable" para apoiar a modificación de crédito.
O PP sitúa agora a pelota no tellado do Goberno local do PP e confía que o Executivo que dirixe Miguel Anxo Fernández Lores comece a cumprir os acordos alcanzados coa oposición, en representación dos cidadáns, e execute a "necesaria humanización que tanto ansian os veciños da Seca despois de 25 anos de abandono do barrio, sen ningún só investimento".