Para o Partido Popular a compra do convento de Santa Clara por parte do Concello é unha "muy buena noticia" para Pontevedra. O seu portavoz, Rafa Domínguez, sinalou "con rotundidad" que esta adquisición é beneficiosa para os intereses dos pontevedreses.
O prezo de compra pactado, uns 3,2 millóns de euros, "nos parece adecuado", engadiu Domínguez, que con todo advertiu que o seu apoio non é unha "carta branca".
A este respecto, o líder dos populares en Pontevedra esixiu "respuestas" e demanda coñecer a que se vai a dedicar Santa Clara unha vez pase a mans municipais. Entre os posibles usos, suxeriu cedelo ao Museo ou convertelo nunha biblioteca municipal.
Ademais, Rafa Domínguez espera que o executivo local desvele en que estado se atopa o convento e o custo que terá a súa remodelación, ao entender que pode ser "sumamente elevado", ou con que administracións vai colaborar o Concello.
Domínguez confía en que se poida abrir a horta e os xardíns do convento á cidadanía para "que sea de todos los pontevedreses" e se aproveite da mellor forma posible.
Antes de concluír a súa comparecencia, o portavoz do PP reiterou o seu apoio a esta compra porque "prefiero ser alcalde con un convento formando parte del patrimonio de todos".