O PP cambia o cartel que anunciaba as obras da variante de Rebón polo de obra paralizada

Umia
22 de marzo 2017

A alcaldesa de Moraña e deputada do PP, Luisa Piñeiro esixe ao goberno provincial que retome o proxecto nesta estrada para que os veciños poidan ter garantida a súa seguridade

O PP cambia o cartel que anunciaba as obras da variante de Rebón polo de obra paralizada
O PP cambia o cartel que anunciaba as obras da variante de Rebón polo de obra paralizada /

O Partido Popular denunciou este mércores a "paralización" do proxecto da variante de Rebón, en Moraña, e o fixo coa colocación de un cartel que "evidencia a parálise total do bipartito da Deputación de Pontevedra", sinalaron desde o grupo provincial.

Foi durante un encontro que mantiveron cos veciños afectados e no que, ademais da alcaldesa e deputada provincial, Luisa Piñeiro, tamén participaron o voceiro do grupo, Ángel Moldes, e a tamén deputada provincial, Belén Cachafeiro.

Con este cartel, os populares quixeron "simbolizar" o que era "antes" a Deputación de Pontevedra, "e no que se ten convertido na actualidade".

A alcaldesa esixiu que retomen o proxecto para que os veciños de Rebón "poidan ter garantida a súa seguridade", e recordou que esta foi a alternativa, de todas as que presentou o anterior goberno provincial, que elixiron e consensuaron os veciños deste lugar. Ademais, criticou que despois de ter comezadas as obras, "casualmente cambiou o goberno da Deputación, e PSOE e BNG retiraron as máquinas sen dar ningún tipo de xustificación".

Ángel Moldes recordou que todas as obras que paralizou o novo goberno provincial son nos concellos medianos e pequenos. "Nós non criticamos os investimentos nos grandes concellos, pero si dicimos que os de menor tamaño tamén teñen dereito a contar con obras importantes, máis cando neste caso o proxecto xa estaba adxudicado e, incluso, xa se estaba executando".

Os populares fixeron tamén un chamamento a todos os grupos políticos de Moraña, para que se sumen a esta reivindicación, que pensen nos seus veciños e non nos seus partidos.