O Partido Popular aspira a encher a praza de touros de Pontevedra con ao redor de 10.000 persoas o vindeiro sábado 10 de setembro. Será o mitin central da campaña electoral para as eleccións do 25 de setembro en Galicia e contará coa intervención do presidente do Goberno en funcións e líder do PP, Mariano Rajoy; o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo; e os catro presidentes provinciais do partido.
O presidente provincial do PP de Ponteveda, Alfonso Rueda, e o secretario xeral de PPdeG, Miguel Tellado, presentaron este venres o acto acompañados polo presidente local, Jacobo Moreira, e explicaron que teñen as máximas expectativas postas neste mitin, no que esperan "repetir éxitos" das dúas anteriores ocasións nas que se organizou, nas eleccións autonómicas de 2009 e 2012. Para conseguilo, empezarán unha intensa campaña nas redes sociais con vídeo incluído.
O 10 de setembro aspiran a encher a praza por terceira vez e tamén a que sexa a antesala da "terceira vitoria consecutiva do PP" en Galicia, pois Alfonso Rueda lembrou que en 2009, tras unha campaña cuxo acto central foi na praza pontevedresa, o seu partido recuperou o goberno da Xunta de Galicia e en 2012 volveron repetir éxito. Consideran que se trata dun acto "moi vencellado ao éxito final e a vitoria do PP de Galicia" e ten "un significado especial" para a formación política.
Miguel Tellado fixo un chamamento aos simpatizantes e militantes do PP, 100.000 en Galicia, para que acudan a este acto e se impliquen na campaña en xeral como unha "demostración clara" de que as bases son "a forza do PP". O seu obxectivo está claro "encher a praza, que estean cheas todas as cadeiras desa praza e que esa praza sexa unha festa".
Aproveitou, ademais, para lembrar que para o PP "Rajoy sempre é unha persoa moi grata", en alusión á declaración do presidente en funcións como 'persoa non grata' polo Concello de Pontevedra e que os españois, os galegos e os pontevedreses demostraron cos seus votos nas últimas eleccións xerais que "Rajoy é para todos unha pesoa moi grata".
Respecto diso, Alfonso Rueda pediu "respecto" aos colectivos que puideron apoiar esa declaración, "o mesmo respecto que ofrece o PP a calquera partido", para que a campaña das eleccións autonómicas "sexa modélica".