O PP aproba o orzamento de 14,7 millóns de euros para o 2024 en Poio

Poio
28 de decembro 2023

O alcalde Ángel Moldes defendeu que é un orzamento de transición, que contribuirá á dinamización económica de Poio, mentres que o grupo municipal socialista considera que o documento contempla máis gasto en asesores e soldos que en pensar na veciñanza. O BNG critica que o orzamento segue a subir a débeda do municipio sen investimentos

Ángel Moldes, alcalde de Poio, dirixíndose á oposición na sesión plenaria
Ángel Moldes, alcalde de Poio, dirixíndose á oposición na sesión plenaria / Concello de Poio

O orzamento de 14,7 millóns de euros para o ano 2024 aprobábase, cos votos do grupo municipal do PP, nunha intensa sesión plenaria transcorrida durante a noite do mércores no Concello de Poio.

O alcalde Ángel Moldes defendeu este documento baseándose en que o orzamento se centra no benestar e na atención das persoas, con mellora da calidade dos servizos públicos e optimización dos recursos económicos dos que dispón o Concello co obxectivo de reducir a "importante débeda" na que se atopan as arcas municipais.

Moldes definiu o orzamento como "realista, responsable e prudente", ademais afirmou que é de "transición" ao estar condicionado pola situación económica actual do Concello: "débense moitos cartos a moitas persoas". Indicou que supón un "cambio de rumbo" para avanzar, sen cargas, apostando por servizos públicos de calidade.

Afeou á oposición a "irresponsabilidade de criticar un préstamo destinado a saldar as débedas que deixou o Tripartito" con autónomos e pequenos empresarios.

Os grupos da oposición rexeitaron o documento do grupo de goberno.

O PSdeG-PSOE afirma que ou goberno de Ángel Moldes aproba un orzamento "con máis gasto en asesores e soldos e menos pensado para a veciñanza. Aseguran que non apoiarán unhas contas deseñadas "única e exculsivamente para o lucimento do alcalde" disparando a débeda coa contratación a dedo dun novo asesor.

Segundo indicou Gregorio Agís, portavoz socialista, a partida de 2024 apenas contará con investimentos propios. Indican que o documento confirma "a incapacidade do goberno do PP de lograr fondos europeos". 

Pola súa banda, Marga Caldas, portavoz do grupo municipal do BNG, indicou que o orzamento de Moldes era o mesmo que presentaba o goberno anterior e que o agora alcalde criticaba cando era portavoz da oposición. Ademais criticou que as partidas seguen a subir a débeda do municipio sen investimentos.

Durante a sesión tamén se aprobaba a rebaixa nun 5% o imposto de circulación e a taxa dos vaos. Segundo o rexedor, os impostos que aínda non se rebaixan, conxélanse sen, por tanto, aplicar a subida do IPC.

Todo o pleno está dispoñible na canle de Youtube do Concello de Poio.