O Partido Popular volveu á carga na súa cruzada para denunciar o que consideran que son tramitacións "irregulares o ilegales" en contratos municipais. Nesta ocasión, fixáronse nas obras realizadas en dous campos de fútbol, o de Campañó e o de Gatomorto (Xeve).
En ambos os casos, segundo Rafa Domínguez, efectuáronse obras de mellora que non estaban contempladas no contrato inicial e que se adxudicaron sen que exista un expediente de modificación, como ordena a lexislación vixente.
A pesar dos informes contrarios do departamento de Intervención, sinalou Domínguez, o goberno municipal abonou os sobrecustos ás respectivas empresas de maneira irregular.
Esta actuación, sinalou o portavoz popular, forma parte dun "modus operandi" do grupo de goberno, ao realizar trámites que "incumplen la ley de manera flagrante".
No caso do campo de Campañó, denunciou o PP, realizáronse melloras distintas ás contempladas no proxecto orixinal e que supuxeron un sobrecusto de 44.514 euros. Debería convocarse un novo concurso público, pero adxudicáronse directamente á empresa responsable das obras, Elsamex.
Isto é "injusto y contrario a la ley", apuntou Domínguez, que sinalou que no campo de fútbol de Xeve ocorreu algo similar, aínda que sen sobrecusto. Unha vez iniciadas as obras cambiáronse as melloras que figuraban no contrato por outras diferentes e, a pesar diso, as obras -que executou a empresa COVSA- non saíron de novo a concurso.
Domínguez non imputa a responsabilidade destas actuacións ás empresas, senón ao goberno municipal, ao que "sigo tendiendo la mano" para que expliquen estas tramitacións. "Si tiene una explicación legal así lo diré", recoñeceu o líder popular.
A pesar diso, Rafa Domínguez asegura que a súa "responsabilidad" é poñer en coñecemento da de xustiza as actuacións que sexan "sospechosas" e, ao seu parecer, "este es el caso". Iso si, afirma que esperará porque a vía xudicial "será la última" para esclarecer este asunto.
MODIFICACIÓNS "XUSTIFICADAS" A NIVEL TÉCNICO
Desde o goberno municipal aseguran que todas as modificacións contractuais están "debidamente xustificadas" polos técnicos e lamentan os "rumores" e as "fake news" lanzados polo portavoz popular, segundo sinalou a edil Anabel Gulías.
Convídanlle a acudir ao xulgado se cre "firmemente" que se están cometendo ilegalidades porque, segundo Gulías, "é pouco serio" que ameace "constantemente" con acudir aos xulgados. Isto demostra que "non hai nada" do que denuncian, engadiu.
A portavoz do executivo local lamenta a campaña de "difamación" emprendida polos populares co obxectivo de "enlodar" a política local con "supostos escándalos" que, co paso do tempo, "quedan en nada".