O PP, ante unha posible sanción por desatender a indicacións da Xunta Electoral sobre a colocación de propaganda

Pontevedra
26 de abril 2019

A Xunta Electoral de Zona acaba de apercibir ao PP de Pontevedra por segunda vez na actual campaña electoral pola súa actitude en relación coa ubicación na rúa Andrés Mellado de bandeirolas con propaganda. Este xoves pedíronlle a retirada nun prazo máximo de 12 horas e seguen no mesmo lugar 

Propaganda electoral do PP en Andrés Mellado
Propaganda electoral do PP en Andrés Mellado / Mónica Patxot

A Xunta Electoral de Zona acaba de apercibir ao PP de Pontevedra por segunda vez na actual campaña electoral pola súa actitude en relación coa ubicación na rúa Andrés Mellado de bandeirolas con propaganda para as eleccións xerais do próximo domingo 28 de abril. 

A resolución da Xunta Electoral de Zona ten data deste xoves 25 de abril e, ao mediodía desde venres, o PP seguía sen facerlle caso, de maneira que todo apunta a que a súa actitude rematará finalmente en sanción. 

En concreto, a Xunta Electoral daba un prazo de 12 horas ao partido Popular para que retirase as bandeirolas ubicadas nos báculos de alumeado da rúa Andrés Mellado, unha rúa na que non estaba autorizada a súa colocación. Esas 12 horas non eran prorrogables e xa se advertía ao PP que se enfrontaba á apertura dun expediente sancionador 

O pasado 19 de abril a Xunta Electoral xa emitira unha resolución en términos similares en resposta a unha denuncia presentada pola candidatura de PSOE -tamén nesta ocasión a demanda é dos socialistas-.

Naquela ocasión, dábanlle 24 horas para reitrar bandeirolas que instalaran ilegalmente nos báculos de iluminación da avenida das Corbaceiras, das rúas Eduardo Pondal e A Estación e da rotonda da avenida de Uruguai e tamén se lle indicaba que se lle abriría expediente.