O concelleiro do Partido Popular, Ricardo Aguilar, denunciou este martes o que o seu partido considera como un "engaño" do goberno municipal, " o siendo benévolos, una mala gestión", en relación aos terreos que Pontevedra debe ceder á Xunta para a construción do novo edificio xudicial da Parda. Os populares aseguran que, tras catro anos de trámites, aínda existe unha parcela que non é propiedade municipal.
Así recoñeceríao, segundo o PP, o propio goberno municipal cando o pasado 11 de setembro tivo que anular os acordos adoptados en catro xuntas de goberno de 2012 e 2013, tras decatarse da existencia dunha parcela de 1.321 metros cadrados, necesaria para construír os viais de acceso ao futuro edificio, e que non foi incluída nos trámites de expropiación. Trátase dunha parcela propiedade dunha sociedade particular, Os Regos.
Esta cuestión, denuncia Ricardo Aguilar, demostra que o Concello de Pontevedra "miente" cando insiste en que, a falta dun trámite nunha notaría, xa era o titular de todos os terreos necesarios para a construción do novo edificio. Se a Xunta tivese iniciado as obras, como instaban dende o goberno municipal, "se estarían usurpando unos terrenos", unha situación que podería, sinalou o edil, carrexar consecuencias legais.
Toda esta situación provoca, segundo explicou o concelleiro do PP, que o futuro desta infraestrutura xudicial sexa "incierto". Recordou que a Xunta de Galicia pretende investir nesta actuación uns 20 millóns de euros, cos que construír un edificio que albergará unhas 30 unidades xudiciais, "o que permitirá atender sobradamente as necesidades dos veciños de Pontevedra".
Por iso, Aguilar instou o Concello a emendar o seu erro "cuanto antes" e ceder os terreos á Xunta para que este edificio poida ser unha realidade "de una vez por todas".