O portavoz de grupo municipal do Partido Popular de Poio, Ángel Moldes, advertiu de que un dos aparcadoiros disuasorios que anunciou o Concello para a zona de San salvador "apareceu nos últimos días pechado e con sinais de 'Propiedade Privada' e 'Prohibido Aparcar'".
O concelleiro popular asegurou que se chegou a sancionar a algúns veciños.
"Non sabemos se é que o Concello anunciou o aparcadoiro antes de estar seguro de que se ía a poder usar", dixo Moldes que ve nesta actuación "outra mostra de irresponsabilidade e abandono dun Goberno que funciona só para os anuncios en prensa e as fotos, cando aquí viven veciños que necesitan feitos".
Pola contra, dende o Concello de Poio aseguran que o aparcadoiro disuasorio "está operativo e sendo utilizado por turismos con normalidade".
Moldes visitou este xoves a contorna do Pazo de Besada, onde denunciou o "abandono" da zona, poñéndoa de exemplo das "políticas de postureo dun Tripartito que se esqueceu de San Salvador".
O popular destacou que dende o remate das obras de rehabilitación "o pazo está pechado e sen uso" e seguen as "fugas de auga, suciedade, falta de seguridade en accesos" entre outros problemas.
Moldes, que compareceu ante a prensa a mediodía, subliñou que "despois de que o PP convocase á prensa, o Concello enviou operarios a realizar labores de limpeza por primeira vez desde o acto de inauguración".