O concelleiro do Partido Popular, César Abal, avaliou as Festas da Peregrina e lamentou que nos tres últimos anos se repita o mesmo programa "sen innovación, sen novos eventos atractivos, realizándose de xeito rutineiro, coma se dun recheo no traballo diario da concelleira de festas se tratase".
Os populares pídenlle ao Concello que multiplique a súa imaxinación e esforzo na elaboración do programa "porque existe unha crecente percepción de que están a ir a menos".
Cesar Abal indicou que as de Pontevedra "son as segundas festas patronais máis caras de toda Galicia, despois das da Coruña"
Cesar Abal indicou que as de Pontevedra "son as segundas festas patronais máis caras de toda Galicia, despois das da Coruña" sendo "o dobre de caras que as de Vigo". O presuposto das festas na cidade do Lérez rolda o millón de euros, recordou o edil popular "cando no resto de concellos de Galicia os presupostos para festas se recortaron un 45% de media".
Dende a oposición municipal lamentan a falta de autocrítica. A valoración positiva realizada pola responsable das festas, Carme Da Silva, "é un discurso triunfalista que nós cremos que poderían incluír no programa de festas como un apartado máis porque independentemente de como sucedan sempre é a mesma valoración", indicou Abal ironicamente.
Utilizando un dos indicadores do Concello como é a diminución das toneladas de lixo recollidas no primeiro e principal fin de semana das festas, Abal lamentou que "isto non fose debido a un aumento do civismo da xente, senón a menor afluencia de público a espectáculos". "Non se trata de condicionar o balance das festas a que este tipo de citas consigan sempre un cheo total, porque a ninguén se lle pode esixir que sexa infalible nestas cuestións, pero é certo que se están a acumular indicios de que as cousas non se están a facer moi ben", sostivo o concelleiro popular.
Neste sentido, recordou actividades xa desaparecidas, como o trofeo Virxe Peregrina de ciclismo, o Príncipe de Asturias de Piragüismo ou o Festiclown, e criticou que a festa vire hoxe as costas completamente ao río Lérez.
O PP relaciona directamente esa relaxación na elaboración do programa co cambio do edil responsable hai dous anos, tras a celebración das últimas eleccións municipais. Antes Anxos Ribeiro agora Carme Da Silva.
O Partido Popular engade que é unha obriga da actual concelleira de festas ir pensando na introdución de novidades para o 2014, "non é suficiente con que haxa moita xente na rúa, porque en Peregrina sempre a houbo, hai e haberá".