O PP acusa o goberno provincial de utilizar a Deputación como plataforma política do PSOE de Vigo

Pontevedra
22 de outubro 2019

Jorge Cubela, Pepa Pardo e Carmen Amoedo fixeron avaliación dos 100 días de goberno de PSOE e BNG na Deputación de Pontevedra e seguen a denunciar a falta de diálogo e de proxectos. Reclaman un trato igualitario para todos os Concellos da provincia

Pepa Pardo, Jorge Cubela e Carmen Amoedo, deputados provinciais do PP
Pepa Pardo, Jorge Cubela e Carmen Amoedo, deputados provinciais do PP / Partido Popular provincial

O Partido Popular fixo balance dos 100 primeiros días de goberno da Deputación por parte do bipartito formado polo PSOE e o BNG. os deputados provinciais Jorge Cubela, Pepa Pardo e Carmen Amoedo destacan a falta de diálogo, de transparencia e de proxectos neste novo mandato por parte do equipo de goberno e seguen reclamando un trato igualitario para todos os Concellos.

Jorge Cubela apuntaba á "case desaparición" do BNG e a falta de respecto institucional por parte da presidenta provincial ao presentar, aos poucos días de asumir o mando, un recurso contencioso-administrativo contra a Xunta de Galicia en relación coa xestión do Pazo de Lourizán. Pero ademais, os populares seguen a reclamar solucións para os parques de bombeiros e piden diálogo para levar a cabo as reformas de estradas provinciais. Neste sentido poñían como exemplo da falta de diálogo o acto realizado na Rolda Leste no que os representantes do goberno da Deputación cambiaron a zona de presentación ante a presenza de veciños de Marcón, que protestaban pola falta de pasos de peóns nesta obra.

Cubela lamentou que a presidenta tamén lle dixera, cando solicitou unha xunta de portavoces, que non se ía reunir con el en ningún caso. Palabras que lle parecen unha falta de respecto ás persoas que representan á cidadanía.

Por este motivo entende que desde o goberno provincial téntase manter unha confrontación igual que no pasado mandato. Apuntou, ademais, que a axenda institucional vén marcada pola propaganda e pola pouca xestión.

Pola súa banda  Pepa Pardo tamén criticou que Carmela Silva non presentara algún cambio na súa actitude e siga a empregar a institución para a súa promoción persoal. E afirma que a Deputación se converteu nunha plataforma política do PSOE de Vigo. Ante esta situación, desde o PP provincial reclaman un cambio de actitude por parte do goberno bipartito.