O grupo provincial do Partido Popular denunciou que o goberno provincial da Deputación de Pontevedra "intenta boicotear de novo a intervención dos traballadores de Ence no pleno", en referencia ao retraso na data do pleno ordinario para despois das eleccións xerais do 28 de abril.
Así o dixo en rolda de prensa este xoves o voceiro do grupo Ángel Moldes, que lamentou que "unha vez máis queren silenciar aos traballadores de Ence", evitando que se debata sobre os postos de traballo e o impacto socioeconómico que tería o peche da fábrica para esta provincia antes da celebración das eleccións xerais do 28 de abril.
O pleno ordinario da Deputación convócase o último venres de cada mes. Polo tanto en abril debería celebrarse o día 26. Sen embargo, Moldes revelou que, xusto dous días despois de presentar por rexistro unha moción do PP sobre a factoría de Lourizán, recibiu unha chamada e mensaxe do voceiro do grupo socialista para informar que "van pospoñer, de xeito unilateral, a data do pleno para o martes 30".
O popular presentará un escrito "para esixir que se respecte a data da sesión ordinaria".