O PP acusa o BNG de ter "instigado" as protestas veciñais contra a variante de Alba

Pontevedra
20 de decembro 2019

Ante a proposta do Concello de asumir este proxecto, se a Xunta lle transfire o investimento previsto, Domínguez sinalou que o "problema" é o trazado e que "da igual" quen a constrúa. "El proyecto no es bueno", engadiu o líder popular

Marcha veciñal en Campañó contra o proxecto da variante de Alba
Marcha veciñal en Campañó contra o proxecto da variante de Alba / Cristina Saiz

O portavoz do Partido Popular, Rafa Domínguez, volveu a deixar claro o "rechazo" dos populares pontevedreses ao trazado previsto para a variante de Alba e insistiu en que a súa posición non cambiará "sea quien sea" o que execute finalmente esta infraestrutura.

Ante a proposta do Concello de asumir este proxecto, se a Xunta lle transfire o investimento previsto, Domínguez sinalou que o "problema" é o trazado e que "da igual" quen a constrúa. "El proyecto no es bueno", engadiu o líder popular.

Para reafirmar a súa postura, o portavoz do PP pontevedrés lembrou que os técnicos municipais presentaron unhas alegacións "durísimas" contra o deseño da variante.

Ademais, estas alegacións foron acompañadas por un rexeitamento veciñal "importante" ao entender que a estrada "iba a partir Campañó en dos".

A este respecto, Rafa Domínguez acusou ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, de non actuar "con la misma lealtad institucional" que a Xunta de Galicia.

O BNG foi, a xuízo de Domínguez, quen "instigó" aos veciños de Campañó e Alba "para que se manifestaran en contra" deste proxecto. "Me consta que fue así", sinalou, tras garantir que o PP local manterase "absolutamente en contra" ao trazado proposto.

Arquivado en