O Partido Popular non se oporá a que Miguel Anxo Fernández Lores sexa proclamado este sábado como alcalde de Pontevedra. Jacobo Moreira avanzou que os sete edís populares absteranse na votación. "Los pontevedreses han manifestado que quieren que gobierne el BNG y nosotros estemos en la oposición y cumpliremos con esa voluntad", explicou o voceiro do PP este xoves en rolda de prensa.
A pesar diso, Jacobo Moreira sinalou que os populares continuarán "defendiendo los intereses de los pontevedreses" e exercerán unha oposición "fiscalizadora" da acción de goberno e cun marcado carácter propositivo "para que los ciudadanos nos vean como una alternativa de gobierno de cara al futuro".
Neste sentido, os edís do PP marcan uns obxectivos "mínimos" para desenvolver en Pontevedra durante os próximos catro anos. O máis importante, dixo, sería crear un plan de actuación municipal encamiñado a reducir a taxa de desemprego e a elaboración dun novo PXOM co que incentivar a creación de solo industrial e que as empresas deixen de ver a Pontevedra "como ciudad hostil a la industria".
Ademais, dende o Partido Popular solicitan a instalación do saneamento nas parroquias do rural nas que aínda non hai este servizo básico, a implantación do transporte público urbano e o compromiso de sentarse coa Xunta de Galicia para negociar a implantación do transporte público metropolitano, o incremento do gasto social, entregar os terreos para o novo edificio xudicial e aplicar unha maior transparencia na xestión municipal.
OFERTA DE MOSQUERA
Ademais, con respecto á oferta do BNG de que outros grupos poidan xestionar diferentes áreas do goberno municipal, Jacobo Moreira explicou que descoñecen os detalles de dita proposta. En todo caso, avanzou que se lle dan a "dirección plena" dalgunha área, con todas as competencias delegadas e a correspondente dotación orzamentaria para xestionala "estaríamos dispuestos a aceptarlo".