O presidente da Autoridade Portuaria, José Benito Suárez Costa, recibiu este venres aos directivos da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) e expúxolles as grandes liñas de traballo do Porto de Marín, así como as principais previsións para 2014.
Era a primeira visita de Luis Novoa Díaz, presidente da CEP, ao Porto de Marín, logo de ser elixido o pasado mes de decembro como o máximo representante dos empresarios da provincia. Estivo acompañado por membros da súa directiva e da Asociación de Empresarios da Pequena e Mediana Empresa de Pontevedra (AEMPE).
Suárez Costa aproveitou para trasladarlle a Luis Novoa o seu interese en que a construción de dous floteles de Pemex en Galicia e, especialmente, o adxudicado ao estaleiro Barreras, poida contar coa importante industria auxiliar do naval que está asentada no Porto de Marín e na que traballan máis de 250 persoas.
Neste sentido, entregoulle ao presidente da CEP unha relación de talleres e empresas de Marín especializadas na construción e reparación naval co obxectivo de que os floteis poidan xerar carga de traballo tamén na comarca.
O presidente da CEP, pola súa banda, expresou a súa total disposición para colaborar cos responsables do Porto de Marín na promoción da terminal.