O porto de Vilagarcía abre este luns a tempada de cruceiros coa escala do "Hebridean Sky", da navieira Noble Caledonia, un cruceiro de 90 metros de eslora e bandeira de Gran Bahamas. O buque atracou esta mañá no peirao de Ferrazo Norte con 104 pasaxeiros a bordo, na súa práctica totalidade de nacionalidade británica, e 73 tripulantes.
O "Hebridean Sky" efectuou a súa entrada ás sete e media da mañá, procedente de Oporto, e deixará o porto arousán ás seis e media da tarde, con destino A Coruña. O buque comezou o seu itinerario en Málaga o día 1 de maio e finalizarao en Portsmouth o sábado, día 11 de maio. O descubrimento de pazos da contorna de Vilagarcía, coa súa riqueza patrimonial e paisaxística, é unha das actividades das que a pasaxe poderá gozar durante esta escala.
Durante a súa estancia en Vilagarcía, tripulantes e pasaxeiros poderán desprazarse comodamente ata o centro mediante un servizo lanzadeira entre o peirao e o centro urbano prestado polo tren turístico. Tamén se instalou a pé de peirao un punto de atención ao visitante prestado por persoal da propia Autoridade Portuaria.
Neste mes de maio está prevista a chegada doutros dous cruceiros ao porto de Vilagarcía.