O Porto de Marín súmase á alianza galega polo clima

Pontevedra
06 de xuño 2022

O acto estivo presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e contou coa representación das universidades, autoridades portuarias, empresas e outras entidades do ámbito social de todo o territorio

Acto de sinatura da adhesión á Alianza Galega polo Clima presidida por Alfonso Rueda
Acto de sinatura da adhesión á Alianza Galega polo Clima presidida por Alfonso Rueda

O presidente da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, Jose Benito Suárez Costa, participou esta mañá en Santiago na firma da alianza galega polo clima que implica a universidades, autoridades portuarias, empresas e outras entidades para traballar no obxectivo de reducir os efectos do cambio climático así como intercambiar información científica, tecnolóxica e socioeconómica nesta materia.

O encontro estivo presidido polo titular da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, quen manifestou a necesidade de contribuír todos co seu traballo “para deixar unha Galicia mellor ás próximas xeracións”.

O Porto de Marín ratifica así unha vez máis o seu firme compromiso co medio ambiente “conscientes de que traballamos nunha contorna sensible como é a Ría de Pontevedra”, sinalou Suárez Costa. Marín é un porto pioneiro en proxectos ambientais centrados na retirada selectiva de residuos para a súa posta en valor e na contribución á limpeza das costas a través de proxectos como 3R Fish, Pescal ou Nada pola Borda, entre outros.

“Celebro o compromiso das entidades tanto públicas como privadas para a firma desta alianza contra o cambio climático e espero que cada un poida seguir poñendo o seu granito de area para combater os efectos adversos que xa estamos a sufrir”, engadiu o presidente portuario.