O Porto de Marín retirou máis de 18 mil quilos de lixo mariño das costas no que vai de ano

Pontevedra
12 de xuño 2020

A Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra xunto coa frota pesqueira do Porto, realizaron este venres unha nova retirada de lixo dos caladoiros de arrastre da costa atlántica galega e en profundidades superiores a 100 metros

Recollida de lixo mariño
Recollida de lixo mariño / Autoridad Portuaria de Marín y Ría de Pontevedra

A Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra xunto coa frota pesqueira do Porto, realizaron este venres unha nova retirada de lixo procedente dos fondos mariños. 

Segundo o Porto de Marín, en total recolleron 5.340 quilos de lixo mariño dos caladoiros de arrastre da costa atlántica galega e a profundidades superiores a 100 metros, que sumados ás dúas retiradas anteriores deste ano, ascenden a 18.620 quilos en só 6 meses.

A Autoridade Portuaria foi recibindo estes residuos que os barcos recollen nas súas redes e traen a terra e levándoos a un compactador para, posteriormente, trasladalos a un xestor autorizado despois de separar todo o material que pode ser valorizable para os proxectos nos que agora está inmerso o Porto, como Repesca Plas 3 e ML Style, en colaboración co CETMAR entre outros organismos e empresas.

Esta actividade de recollida de lixo do mar por parte da flota marinense, continúa os proxectos ambientais "Nada por la borda" e "Pescal", xa finalizados oficialmente pero que a Autoridade Portuaria decidiu seguir mantendo en colaboración con OPROMAR e a empresa marinense Casercan.

O Porto de Marín é pioneiro en proxectos ambientais relacionados coa retirada e xestión de lixos mariños. Ademais, coa colaboración das empresas da comunidade portuaria, segue cos procesos de recollida selectiva doutros residuos portuarios como plásticos de embalaxes, pilas, poliexpán, redes, envases lixeiros, papel e cartón.