A Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, presenta este luns na sede da Federación provincial de Confrarías de pescadores os resultados obtidos dentro do seu segundo plan para reducir lixo mariño.
O proxecto denomínase Repesca Plas 2 "valorización material de residuos plásticos recuperados do mar, protocolo de mostraxe, toxicoloxía e deseño de valorización de lixos mariños".
O proxecto Repesca Plas 2 conta co apoio da Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar.
No caso do Porto de Marín colabora activamente a organización de produtores de pesca fresca e os armadores, coa participación no proxecto de catro buques de arrastre de litoral e dous que faenan na costa de Portugal.
A frota pesqueira conta con bolsas específicas para recoller residuos do mar e trasladalos a porto, que se etiquetan con datos como a data, a embarcación, o peso, a zona de pesca, etc. Despois estes residuos son trasladados pola empresa Casercan á zona de caracterización para facer un estudo por parte de persoal da Asociación Vertidos Cero e a Universidade de Vigo.
Unha vez caracterizados e retirada a parte que utilizarán para estudos técnicos, o resto son trasladados para o seu compactación.
Durante 2019, baleirouse catro veces este compactador do que dispón a Autoridade Portuaria, retirando preto de 25.000 quilos de lixo do mar.