O Porto de Marín reclama a súa inclusión no Corredor Atlántico de mercadorías

Marín
15 de setembro 2023

"Consideramos fundamental que se conte cos portos que somos clave na loxística de mercadorías a través de ferrocarril", subliñou o seu presidente, José Benito Suárez Costa, que transmitiu esta petición directamente ao propio comisionado do Corredor Atlántico

Jose Benito Suárez Costa, no Porto de Marín
Jose Benito Suárez Costa, no Porto de Marín / Mónica Patxot

O presidente da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, José Benito Suárez Costa, reclamou este venres a inclusión deste porto de interese xeral do Estado no Corredor Atlántico de mercadorías.

"Consideramos fundamental que se conte cos portos que somos clave na loxística de mercadorías a través de ferrocarril", subliñou Suárez Costa, que transmitiu esta petición directamente ao propio comisionado do Corredor Atlántico.

O porto de Marín, segundo o seu máximo responsable, "é líder en intermodalidade" e no transporte combinado buque-ferrocarril, conta cunha localización "estratéxica" no Eixo Atlántico e é "punteiro" en Galicia ao ter servizo ferroviario activo desde fai máis de vinte anos.

Este servizo préstase a diario para o transporte de mercadorías variadas, entre elas os graneis agroalimentarios, os contedores, os produtos siderúrxicos ou a madeira e supón unha "gran vantaxe competitiva" para as empresas do porto e para o tecido empresarial da comarca.

durante o ano 2022 movéronse preto de 400.000 toneladas de mercadoría por ferrocarril con destino ou orixe no porto de Marín.

Ademais, o porto de Marín dispón actualmente da liña ferroviaria directa de mercadorías máis longa de España, que conecta este enclave co porto de Alxeciras (Cádiz). 

Suárez Costa tamén sinalou que está pendente a ratificación por parte do Consello Europeo a inclusión de Marín na rede básica ferroviaria de mercadorías tras unha modificación aprobada en marzo pola comisión de transportes do Parlamento Europeo. 

"Cremos que os portos galegos non poden estar fóra dos plans do comisionado nun asunto tan central para o futuro dos nosos portos", sentenciou o presidente da Autoridade Portuaria, que convidou ao comisionado do Goberno para o Corredor Atlántico a visitar Marín para coñecer o funcionamento do ferrocarril e das instalacións portuarias.