O buque BBC Reef arribou este mércores desde Galveston (Texas) ao Porto de Marín para realizar un importante embarque de torres eólicas, a máis numerosa ata a data.
Trátase dun total de 65 pezas que chegaron ao porto de forma graduada en transportes especiais e serán transportadas ata o seu destino no porto de Searsport, no condado de Maine (EEUU).
O buque é consignado polo Grupo Nogar, empresa altamente especializada no movemento de compoñentes eólicos que requiren dunha delicada operativa para a que se está empregando, ademais de varias máquinas reach stacker, o potente guindastre automóbil coa que conta a empresa marinense.
As operacións realízanse no Novo Peirao Comercial de Marín. O mercante conta cunha eslora de 161,48 metros, unha manga de 25,21 metros e un calado de 8,60 metros.
O dos compoñentes eólicos é un dos tráficos de mercadoría xeral nos que está especializado o Porto de Marín.
En 2019, o capítulo no que se enmarca esta mercadoría experimentou un crecemento do 28%. A mesma tendencia alcista rexistraron outros tráficos dentro da mercadoría xeral convencional (non contenerizada), como a pasta de papel, as madeiras e cortizas, o material de construción, o peixe conxelado ou os produtos siderometalúrgicos.
En total, o tráfico portuario alcanzou en 2019 os 2.473.689 tm de mercadoría das que practicamente un 28% (680.000 tm) corresponderon ao capítulo de mercadoría xeral convencional.