O Porto de Marín cederá para uso da cidadanía unha parcela cercana á entrada do Paseo Alcalde Blanco

Marín
10 de outubro 2023

Este martes houbo unha visita ás obras do Centro Sociocultural cos técnicos das empresas implicadas e membros da Corporación para coñecer o avance dos traballos

Obras do Centro Sociocultural
Obras do Centro Sociocultural / Concello de Marín

A alcaldesa de Marín, María Ramallo e o presidente da Autoridade Portuaria, José Benito Suárez Costa anunciaron que está prevista unha nova cesión do espazo portuario para toda a cidadanía.

Será o espazo que actualmente ocupa unha das naves que hai xunto ao Paseo Alcalde Blanco, que será demolida, polo que se abrirá todo ese espazo para anchear o inicio do paseo e todo o entorno en xeral das futuras piscinas de auga salgada.

Ademais, Ramallo tamén avanzou que se está a tramitar o proxecto de ancheamento da beirarrúa que discorre paralela á Escola Naval Militar ata chegar ás futuras piscinas, polo que "estamos traballando en mellorar de xeito integral todo este corazón urbano que será unha seña de identidade do Marín que está por vir".

O anuncio tivo lugar no marco dunha visita de obra que este martes o goberno local organizou ao futuro centro sociocultural, á que se convidou a medios de comunicación e membros da corporación municipal así como ao presidente da Autoridade Portuaria, para coñecer o estado do proxecto da man do director de obra e da empresa executora.

A visita foi dirixida por representantes da empresa encargada da execución dos traballos, Oreco Balgón, e polo director de obra, Miguel Porras, da empresa Naos.

Os asistentes pisaron os primeiros volumes que xa se intúen do futuro equipamento cultural e coñecer de maneira pormenorizada as fases que se foron vivindo nestes primeiros meses de obra.

Tal e como indicou Porras, "xa levamos cerca de 2,5 millóns de euros certificados", é dicir, practicamente a metade da obra, que a pesar de ter ese retraso inicial polo cambio dunha parte da cimentación, a día de hoxe avanza a un moi bo ritmo, mantendo o prazo de execución estipulado no plan de obra: Marín terá un auditorio no primeiro trimestre de 2025.

A infraestrutura, tal e como plantexou Porras, está pensada como unha "praza cuberta", que poida ter diferentes accesos e formas de moverse dentro dela, satisfacendo as necesidades artísticas das compañías futuras que actuarán no escenario.

O patio de butacas terá capacidade para máis de 550 localidades, "que pode tamén aforarse á metade para cando haxa espectáculos máis reducidos", utilizando un sistema de cortinaxe, e un escenario de 220 metros cadrados.