O porto de Marín acolleu este xoves a entrega do buque Omvac XIV por parte de Nodosa á empresa Canlemar. Á botadura asistiu o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, que se referiu a este acto como un "caso de éxito" que puxo como "exemplo da capacidade de colaboración do naval galego a través do traballo en equipo".
O vicepresidente económico explicou que estas dúas empresas familiares, Canlemar con sede en Pontedeume e Nodosa con sedes en Pontevedra, Marín e Bueu, ten máis de 40 anos de traxectoria son un referente para a Marca Galicia.
Conde subliñou que Nodosa é o estaleiro máis experimentado en España na construción de dragas e que Canlemar conta cunha ampla experiencia nacional e internacional na realización de dragaxes e obras marítimas.
O novo buque Omvac XIV conta con 64 metros de eslora e 12,5 de manga, capacidade de cántara de 1.200 metros cúbicos, habilitación para unha tripulación de 10 persoas, e está clasificada con cota de navegación sen restricións.
Está equipada cun sistema de dragaxe capaz de chegar ata 30 m de profundidade.
No seu discurso Francisco Conde explicou que a Xunta realiza un traballo conxunto para desenvolver a Estratexia do Naval co foco posto no financiamento, na diversificación, na dixitalización e na xeración dunha contorna favorable para a colaboración entre estaleiros e centros de coñecemento. Ademais, incidiu en que o Perte do naval tamén supón unha oportunidade para demostrar a capacidade do sector en Galicia para liderar proxectos neste campo.