Dentro do plan de reordenación do peche perimetral do Porto no ámbito da Praza de España, o presidente da Autoridade Portuaria presentou este xoves á alcaldesa de Marín o seu proxecto para poñer a disposición do Concello 3.000 metros cadrados de terreo nesa zona.
Este espazo súmase aos que o Porto xa cedeu para uso cidadán en diversas fases e que inclúen, entre outras superficies, zonas de aparcadoiro e ocio na praza de España, o paseo marítimo de Marín, o paseo da Avenida de Ourense, ademais do parque de Cantodarea.
O proxecto, que ten previsto executarse durante este ano, contempla desprazar o actual control de accesos do Porto máis cara ao interior do recinto portuario e realizar un retranqueo do valo que linda co paseo Alcalde Blanco de maneira que o Concello dispoñerá dunha superficie total adicional de 3.000 metros cadrados para uso cidadán.
A alcaldesa María Ramallo manifestou a súa satisfacción por esta formulación e apuntou a idoneidade da zona para ofrecer novos usos e servizos cidadáns relacionados con deportes náuticos como o remo ou o piragüismo.