O Pont-Up Store volverá á praza de España en setembro con redución de aforo e máis contido dixital

Pontevedra
11 de xuño 2020

A sétima edición deste espazo de emprendemento foi presentada este mércores en Pontevedra e celebrarase entre o 17 e o 19 de setembro cumprindo con todas as medidas sanitarias

Presentación da sétima edición do Pont-Up Store
Presentación da sétima edición do Pont-Up Store / Concello de Pontevedra

A sétima edición de Pont-Up Store celebrarase entre o 17 e o 19 de setembro na praza de España. A pesar da crise sanitaria pola Covid-19, a cita mantén a súa data pero incorporará novidades na súa organización como a redución de aforos ou a creación dunha plataforma dixital na que os participantes poidan compartir os seus contidos.

"Está a ser un traballo titánico sacar adiante esta sétima edición do encontro no seu formato orixinal a pé de rúa, pero aínda así a organización segue apostando por manter o espírito orixinal do Pont- Up  Store, adaptándose por suposto aos límites que marque a normativa vixente", explicou o director do evento, Pedro Figueroa, durante a presentación que tivo lugar este xoves na Praza de España coa participación da concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, o deputado provincial, Gregorio Agís, e o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto.

A principal novidade da próxima edición será o espazo de internacionalización, con formacións e encontros en liña que permitirán aos novos e vellos emprendedores incorporar capacidades e ferramentas para saír ao comercio exterior.

Con respecto á programación dixital, Figueroa explicou que a web, totalmente renovada, funcionará a partir deste ano como plataforma para soportar a dixitalización dun evento híbrido, co obxectivo de ir sumando contidos que conformen un repositorio de interese para os novos emprendementos.

Tamén se referiu ao gran nivel que volverá ter o Pont- Up Exprés no que, como cada ano, 10 empresas serán seleccionadas para explicar en 5 minutos o seu emprendemento a representantes de importantes empresas e entidades galegas.

Ademais, estarán dispoñibles de novo 35 casetas gratuítas dentro da carpa onde as empresas poderán propoñer actividades demostrativas que se incluirán dentro do programa. 

Desde este mércores xa está aberto o prazo para que as empresas presenten as súas candidaturas a unha ou varias modalidades ata o 10 de xullo a través da web www.pontupstore.com. A decisión do comité organizador farase pública o 21 de xullo e dará cabida a ao redor de 60 negocios.

Dentro do Espazo de Innovación Social presentaranse o proxecto de intervención social para a prevención de lumes forestais, Batefogo e un encontro coordinado por Espazo  Arroelo para aprender como crear riqueza social e colectiva nas empresas para xerar impacto social.