O Pont-Up Store anuncia o seu regreso para os días 24 e 25 de setembro

Pontevedra
21 de xuño 2021

Dado que a reubicación de datas supuxo que 8 dos 36 emprendementos seleccionados para participar en 2020 comunicasen neste período a súa imposibilidade de asistir este ano por diversos motivos, o comité organizador decidiu abrir unha convocatoria extraordinaria

Presentación da sétima edición do Pont-Up Store
Presentación da sétima edición do Pont-Up Store / Concello de Pontevedra

O Pont-Up Store, o principal evento de fomento da innovación e o emprendemento que se celebra en Pontevedra, anuncia o seu regreso para os días 24 e 25 de setembro. 

Dado que a reubicación de datas supuxo que oito dos 36 emprendementos seleccionados para participar en 2020 comunicasen neste período a súa imposibilidade de asistir este ano por diversos motivos, o comité organizador decidiu abrir unha convocatoria extraordinaria "especialmente dirixida a persoas emprendedoras valentes" que puxeron en marcha a súa empresa en plena pandemia (entre 2019 e 2021) para cubrir esas prazas.

Este novo proceso de recepción de candidaturas estará aberto entre o 28 de xuño e o 4 de xullo e, como precisa a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, "tamén estará aberto a todos aqueles emprendementos que xa participaron en pasadas edicións do evento e que presenten unha innovación destacable que lles permitira afrontar con éxito a situación xerada pola covid-19".

Yoya Blanco avanzou que entre as principais novidades deste ano figura a creación dun espazo virtual denominado dixital_pontup.

"Agardamos que o avance da vacina nos permita presentar o programa en setembro e instalar os habituais expositores. En todo caso, xa podemos adiantar que se van celebrar aquelas actividades que non foi posible realizar o ano pasado en formato online, entre as que se inclúen as de economía social, economía circular, rastrexos, gaming ou internacionalización", explica a concelleira do PSOE.