O 'Poli Paco' volve situar a Sanxenxo no mapa da educación viaria cun novo premio

Sanxenxo
31 de maio 2021

Os II Premios  Atesvan- Smart  Baby ás Boas Prácticas en Educación Viaria distinguiron este ano ao policía local de Sanxenxo Manuel Martínez, creador, xunto a Abelardo Martínez, da figura do Poli Paco. O recoñecemento chégalle ás portas da súa xubilación e despois de 30 anos de servizo 

Policía local Manuel Martínez
Policía local Manuel Martínez

Os II Premios Atesvan-Smart Baby ás Boas Prácticas en Educación Viaria distinguiron este ano ao policía local de Sanxenxo Manuel Martínez, creador, xunto a Abelardo Martínez, da figura do Poli Paco. 

Martínez levouse o recoñecemento na categoría de Premios Extraordinarios a Persoas e recollerá o seu galardón na Escola Municipal de Música e Danza do Parador o próximo 3 de setembro. El mostrouse "moi agradecido" e, segundo un comunicado difundido polo Concello de Sanxenxo, quere compartir o premio co seu compañeiro Abelardo Martínez, con quen "desde 2008 realizamos a actividade de educación viaria nos colexios do municipio".

O recoñecemento chégalle a Manuel Martínez ás portas da súa xubilación e despois de 30 anos de servizo no municipio de Sanxenxo. A partir do próximo martes, 1 de xuño, poderá gozar plenamente da súa familia e das súas dúas grandes paixóns como son a pesca e a música.

Manuel Martínez chegou ao departamento de Seguridade viaria da Policía Local de Sanxenxo en 2008, tras unha lesión nas cervicais, e recoñece que, ao principio, non foi fácil conectar cos nenos. "Non tiñamos experiencia en teatro, pero démonos conta de que había que facer algo diferente para captar a atención dos nenos. E a máscara do Poli Paco primeiro e a marioneta despois axudounos moito a conectar con eles", explica.

O labor realizado ao longo destes anos tróuxolles moitas satisfaccións e asegura que "os nenos xa non me chaman polo meu nome senón polo Poli Paco".

Este premio volve situar a Sanxenxo como referente en Educación Viaria grazas ao Poli Paco, co que os policías levan 13 anos achegando de forma lúdica a formación en seguridade viaria aos centros educativos do municipio.

O pasado mes de abril era Abelardo Martínez o que recollía no Congreso o premio de 'Cidadán Ponlle Freo' co que se recoñece a implicación do axente e do propio Concello na educación viaria desde fai máis de tres décadas.