O 'Poli Paco' chega ao papel cun libro sobre seguridade viaria que será repartido entre escolares de Sanxenxo

Sanxenxo
19 de abril 2024

O Concello de Sanxenxo publicou o conto 'Aprende seguridade viaria co Poli Paco', cun total de 2.000 exemplares que serán repartidos entre o alumnado de Primaria

Presentación do conto 'Aprende seguridade viaria co Poli Paco'
Presentación do conto 'Aprende seguridade viaria co Poli Paco' / Concello de Sanxenxo

Unha guía en papel para que nenos, familias e os centros educativos poidan traballar os conceptos da seguridade viaria.

É o obxectivo do conto do Poli Paco que decidiu editar o Concello de Sanxenxo.

'Aprende seguridade viaria co Poli Paco' é o título da obra editada por Sanxenxo en colaboración co policía local Abelardo Martínez e a ilustradora Yolanda Martínez.

"Imprimimos 2.000 unidades para o alumnado de primeiro e ata cuarto de Primaria. A idea é dispoñer dunha unidade didáctica coa que os centros poidan traballar e reforzar o traballo de seguridade viaria que vén facendo dende hai anos o Poli Paco", explicou a edil de Educación, Nati Parada.

"Hai cancións en códigos QR, figuras para colorear e espazos do municipio como o parque da Panadeira, a senda do río Pintillón en Dorrón, a bandeira de Sanxenxo… Para que os nenos poidan familiarizarse coa contorna", explicou pola súa banda Abelardo Martínez.

Ademais as normas de seguridade viaria tamén aparecen en pictogramas para facilitar a aprendizaxe de nenos e nenas con TEA.

Trátase segundo a ilustradora do conto dun traballo "realizado en conxunto con moito agarimo, moito detalle, moito mimo", asegurando que "estamos a desexar que esta idea que xurdiu xa na pandemia poida ser testada polos nenos e nenas nos coles".