A campaña extractiva do polbo arranca este luns 3 de xullo en toda a costa galega. Os barcos poderán volver saír a faenar a partir das cinco da madrugada, tras concluír o período de veda que comezou a mediados do pasado mes de maio.
Ata o 31 de agosto, a cota máxima de captura desta especie será de 35 quilos por barco e día, á que se suman 35 quilogramos diarios por cada tripulante enrolado e a bordo, ata un máximo de 240 quilos por xornada.
No resto da campaña a cota máxima será de 55 quilogramos por embarcación e día, aos que se engaden outros 55 quilos por cada tripulante enrolado e a bordo, ata un máximo de 350 quilos por barco e xornada de traballo.
O horario de traballo das embarcacións con nasa para polbo iniciarase ás 06,00 horas -aínda que poden saír do porto ás 05:00 horas- e finalizará ás 16:00 horas.
O número de nasas permitido queda establecido en función do tamaño da embarcación e do número de tripulantes enrolados a bordo.
Este plan acordado pola Consellería do Mar e o sector sobre a pesca do polbo permanecerá vixente ata que se publique o do ano que vén, que fixará a seguinte veda.
A actividade será controlada a través do programa de seguimento e control levado a cabo pola Subdirección Xeral de Gardacostas de Galicia en colaboración cos gardapescas das confrarías de pescadores e os servizos contratados ao efecto.
A maiores, a Consellería do Mar está a ultimar a modificación da orde pola que se regulan os tamaños mínimos de diversos produtos pesqueiros para permitir unha marxe de tolerancia de 50 gramos de peso -en relación co talle mínimo dun quilo- despois de realizada e rexistrada a pesada no momento do desembarque.