O Poder Xudicial avala a centralización en Pontevedra e delega a Vigo como "sede desprazada"

Pontevedra
17 de xuño 2014

A Comisión Permanente do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) acaba de emitir un ditame non vinculante respecto ao anteproxecto da Lei Orgánica do Poder Xudicial que define un novo mapa territorial suprimindo 41 dos 45 partidos xudiciais que hai actualmente en Galicia

Edificio da Audiencia Provincial de Pontevedra na rúa Rosalia de Castro
Edificio da Audiencia Provincial de Pontevedra na rúa Rosalia de Castro / Diego Torrado

A Comisión Permanente do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) acaba de emitir un ditame non vinculante respecto ao anteproxecto da Lei Orgánica do Poder Xudicial que define un novo mapa territorial suprimindo 41 dos 45 partidos xudiciais que hai actualmente en Galicia.

Este informe consultivo redactado por cinco vogais da Comisión Permanente do CGPJ e o seu presidente, avala o modelo uniprovincial centralizador do ministro Alberto Ruíz Gallardón "como unha organización idónea e axeitada" que contempla a existencia de Tribunais Provinciais de Instancia con sede nas capitais de provincia, é dicir en Pontevedra, o que deixa a Vigo sen unha sede autónoma con plenas competencias.

O órgano de goberno dos xuíces defende a excepción de "se é posible a pervivencia de órganos xudiciais fóra das capitais" permitir a creación de sedes desprazadas en localidades que non sexan a capital. Unha decisión que deixa en mans do Ministerio de Xustiza.

O CGPJ avala a desaparición dos actuais partidos xudiciais polos seus "aspectos positivos" e a "maior racionalización e economía" dos medios materiais e persoais que supón a instauración de tribunais provinciais de instancia xa que "favorece a especialización" dos órganos xudiciais e "contribúe á seguridade xurídica".