Nun vídeo difundido a través das redes sociais, o pastor e o patriarca do poboado de O Vao piden perdón pola liorta ocorrida hai unha semana na que resultaron feridos dous axentes da Policía Local de Poio e catro da Garda Civil de Pontevedra e solicitan a liberdade dos detidos tras o suceso.
"Arrepentímonos publicamente. Foi un equivoco e recoñecemos o erro do que lle fixeron aos policías locais", asegura o relixioso, que se disculpa co alcalde de Poio, o xefe da Policía Local e os axentes feridos, sen facer referencia á Garda Civil.
Despois de desculparse, o pastor quita importancia ao ocorrido, pide a liberdade dos detidos e asegura que son inocentes. "Hai dez detidos en prisión. Teñen cousas nas mans pero ningún tira obxectos contra a Garda Civil, outros non estaban na liorta pero están en prisión. Son inocentes,pedimos a liberdade de todos os que están en prisión", sostén e alega que os autores da agresión serán castigados seguindo o seu propio código.
"Tomaremos medidas á nosa maneira, é peor o castigo noso que o da xustiza", declara.
Preocupado polas consecuencias do ocorrido, os dirixentes xitanos piden á administración que non retiren as axudas dos residentesneste poboado. "Pedimos que nos respecten como cidadáns, como persoas e como españois e que non se metan nas axudas nin nas Risgas do poboado do Vao", solicitan, porque aseguran que "temos nenos, moitos están enfermos e teñen que comer como todo o mundo".
Pola súa parte, o patriarca do poboado tamén pide a liberdade dos seus veciños. "Pido a liberdade para os presos porque son inocentes", subliña, tras destacar que "nunca pasara algo así".