O pobo viquingo de Roskilde busca en Pontevedra o valor que lles falta para petonalizar a súa cidade

Pontevedra
13 de marzo 2019

O goberno local desta cidade está a considerar prohibir coches no centro histórico pero teme unha reacción adversa da cidadanía polo que quixeron coñecer a experiencia vivida en Pontevedra coa implantación deste modelo peonil

O alcalde de Pontevedra cunha delegación da cidade danesa de Roskilde
O alcalde de Pontevedra cunha delegación da cidade danesa de Roskilde / Mónica Patxot

O vice alcalde de Roskilde, Tomas Breddam, á fronte dunha delegación danesa formada por representantes políticos, técnicos e empresariais, atópase de visita en Pontevedra para armarse de argumentos cos que convencer aos seus veciños dos beneficios que supoñerá peonalizar a súa cidade.

Roskilde é unha das cidades de Dinamarca máis antigas. Está situada a 30 quilómetros de Copenhague e ten 47.828 habitantes. Atesoura a maior catedral do país e un museo de barcos viquingos.

O goberno local desta cidade está a considerar prohibir coches no centro histórico pero teme unha reacción adversa da cidadanía polo que quixeron coñecer a experiencia vivida en Pontevedra coa implantación deste modelo peonil.

Así se reuniron co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e outros membros do goberno municipal ademais de técnicos do concello, pero tamén con empresarios para coñecer o seu punto de vista e ese cambio dun rexeitamento inicial á aceptación maioritaria do proceso de transformación urbana. Por iso manterán unha reunión coa asociación de empresarios da pequena e mediana empresa (Aempe).

Por certo que o vice alcalde danés non perdeu ocasión de convidar os xornalistas a que acudan este verán para gozar dos concertos do Roskilde Festival, un dos máis importantes de Europa, que este ano incluirá as actuacións de Bob Dylan, Led Zeppelin, Robert Plant e a catalá Rosalía.