Cunha estraña luz amarelada, coma se fose o preludio dunha tormenta ou un raro solpor mañaneiro. Así foi o amencer deste martes nas Rías Baixas. Unha insólita estampa, máis propia das Illas Canarias ou do norte de África, que non se lembra en Galicia desde hai décadas.
A culpable foi Celia, unha peculiar borrasca que percorreu de norte a sur a costa de Galicia e Portugal para acabar xerando un corredor de ventos de compoñente sur que arrastrou á Península Ibérica unha gran cantidade de po sahariano que tinguiu dun ton cobrizo os ceos de toda España.
Á primeira hora desta mañá desde Meteogalicia informaban que Galicia pasaría a xornada "nun área intermedia entre a borrasca Celia, afastada ao suroeste da Península, e as altas presións dos Azores. Día de ceos parcialmente nubrados sen descartar algún chubasco moi ocasional". Ademais, as temperaturas máximas, ata 24 graos en Pontevedra, rexistradas ao longo desta xornada son tamén anómalas para esta época do ano.
Hoxe quedamos nun área intermedia entre a #borrascaCelia, afastada ao suroeste da Península, e as altas presións dos Azores. Día de ceos parcialmente nubrados sen descartar algún moi ocasional.
— MeteoGalicia (@MeteoGalicia) March 15, 2022
As máximas con valores elevados para a época, como mostra o mapa de anomalías. pic.twitter.com/8fYWdg6NB9
O que non prevían estes modelos era a chegada masiva a Galicia deste po en suspensión que tantos problemas está a xerar en rexións como Murcia ou Andalucía. Con todo, desde primeira hora desta mañá está activo un aviso de Meteogalicia no que advirte de que se espera a "intrusión de masas de aire africano, polo que os niveis de partículas (PM) poderán verse incrementados". Unha situación que xa padecen en municipios como Laza ou Lalín no que a calidade do aire alcanza a cualificación de "extremadamente desfavorable".
El #PolvoSahariano se extiende por la Península Ibérica y el Mediterráneo occidental, pero también llega a zonas del norte de Europa. Continuará la deposición seca (es decir, el polvo caerá a la superficie por gravedad) y húmeda (en forma de lluvias de barro)#Calimahttps://t.co/X1Vn4EVOnS
— AEMET (@AEMET_Esp) March 15, 2022
En Pontevedra a calidade do aire segue sendo considerada "favorable", pero na estación meteorolóxica de Campolongo captáronse datos anómalos de partículas en suspensión (PM 2,5) con rexistros de ata 14 micras por metro cúbico que sitúan a calidade do aire no segundo mellor banzo da escala, cando habitualmente Pontevedra presume dunha óptima calidade de aire.
Esta situación dará un xiro de 180 graos este mércores. A predición de Meteogalicia augura un cambio na dirección do vento, que pasará de compoñente sur a compoñente norte. Por iso os ceos estarán nubrados e as temperaturas descenderán de forma acusada pola entrada dunha masa de aire xélido e xerando unha sensación térmica que pode ser aínda menor do que marquen os termómetros.