A Deputación de Pontevedra celebrou este venres o pleno ordinario correspondente ao mes de setembro que incluíu algunhas cuestións de importancia para a capital da provincia como son a recuperación ambiental da Xunqueira de Alba e o vial de acceso ao Hospital Gran Montecelo.
Na parte resolutiva da orde do día aprobouse, cos votos a favor de PSOE e BNG e a abstención do PP, a cuarta modificación de crédito do presente orzamento.
Segundo explicou o deputado, Carlos López Font, esta modificación inclúe catro acciones: a recuperación ambiental Xunqueira de Alba coa eliminación das instalacións do Parque de Maquinaria, unha nova edición do Prácticum Depo, accións do coworking do viveiro de empresas de Barro e a mellora da seguridade viaria nas estradas provinciais.
O vicepresidente da Deputación, César Mosquera destacou o "compromiso" da administración provincial na recuperación "completa, seria e decidida" dos terreos da Xunqueira de Alba, unha actuación que alcanza os 3,7 millóns de euros ao incrementarse en 550.000 euros o orzamento inicial.
"Estamos especialmente contentos e satisfeitos de que esta administración teña esta sensibilidade", engadiu Mosquera que expresou o seu desexo de que o resto de administracións implicadas responsan de igual modo.
VIAL DE ACCESO A MONTECELO
Tamén foi aprobado por unanimidade o convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello de Pontevedra sobre o novo vial de acceso ao Gran Montecelo. Será unha estrada, de 830 metros de lonxitude que rodeará o complexo hospitalario, cun orzamento de 1,4 millóns de euros. Partirá fronte ao pavillón de Príncipe Felipe e concluirá ao carón do actual aparcamento ao aire libre do hospital.
Igualmente foi aprobada por unanimidade a adhesión da Deputación de Pontevedra á "Declaración de Bilbao". Así, a administración provincial comprométese a favorecer marcos normativos que permitan o desenvolvemento de novos modelos de mobilidade, que aseguren a sustentabilidade ambiental e o benestar social e incentivar o desenvolvemento socioeconómico baseado na mobilidade sostible.
MOCIÓNS
Ademais o Partido Popular presentou dúas mocións que foron rexeitadas polos grupos provinciais do Partido Socialista e do BNG.
Por unha banda, o PP reclamou á Deputación medios técnicos e financeiros para que os concellos elaboren e executen plans de emerxencias municipais. E tamén os populares buscaron consenso da Deputación para reclamar ao Goberno central que inclúa aos concellos de menos de 50.000 habitantes na repartición dos fondos Next Generation para proxectos de mobilidade.