O Pleno municipal desbloquea o convenio coa Deputación para mellorar a estrada de Almofrei

Cerdedo-Cotobade
17 de novembro 2022

O Pleno aproba por unanimidade a aportación do Concello de 286.000 euros para que se poida levar a cabo esta mellora viaria na estrada de Almofrei e as expropiacións na de Quireza

Pleno do Concello de Cerdedo-Cotobade
Pleno do Concello de Cerdedo-Cotobade

O Pleno extraordinario da Corporación Municipal do Concello de Cerdedo-Cotobade aprobou este xoves por unanimidade a transferencia de crédito por importe de 286.000 euros para financiar as obras e as expropiacións da estrada EP-0405 entre Xesteira e Almofrei, así como a consignación necesaria para as expropiacións de terreos do tramo de mellora do vial entre Fondós e Bugarín, na parroquia de Quireza.

Deste xeito quedaría superado o derradeiro paso para que a Deputación e o Concello asinen o convenio de colaboración que permitirá o investimento de 946.599 euros no arranxo e mellora da estrada provincial.

O alcalde, Jorge Cubela, indicou que "ben está o que ben acaba" e lembrou as diferentes "peripecias" que sufriu este proxecto.

GASTO CORRENTE

O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Cerdedo-Cotobade criticou que neste pleno eliminouse o importe destinado a residencia da terceira idade, e lembrou que na anterior sesión plenaria eliminouse dos investimentos previstos para este ano a reforma da casa consistorial. 

"En total retíranse 847.998 euros do capítulo de investimentos, é dicir, un 93,3% dos investimentos previstos", afirman dende o PSdeG-PSOE. 

Os socialistas están "preocupados" porque "eses investimentos non son sustituidos por outros, senon que esos fondos se teñen que destinar na súa maioría a gastos correntes". E criticaron o Goberno local por "intentar silenciar á oposición negándolle o acceso á información pública que lle recoñece a lei", aseguran os socialistas que esa "non é a solución ós problemas de gasto que enfronta o concello".