Pontevedra estreou este luns dúas novidades para a celebración dos plenos municipais, unha técnica e outra humana. A partir de agora, o debate nas sesións estará limitado por un cronómetro e haberá intérpretes de signos para persoas con diversidade sensorial.
A limitación de tempos, acordada por todos os grupos, establece unha intervención inicial de sete minutos para o edil que presenta unha moción ou iniciativa ao pleno.
Tras iso, o portavoz que interveña por cada grupo político dispoñerá dunha réplica de catro minutos para contestar ao propoñente que, a continuación, terá tres minutos de resposta.
Unha segunda réplica de dous minutos e unha intervención final de dous minutos para o autor ou autora da proposta pecharán o debate de cada punto na orde do día do pleno.
Este novo sistema estreouse non sen algún contratempo técnico, pero todos os concelleiros axustaron as súas intervencións ao tempo marcado, o que axilizou a celebración do pleno.
Ademais, ao Teatro Principal acudiron por primeira vez as dúas intérpretes de signos que, de maneira alterna, permitirán que as intervencións nos plenos poidan ser seguidas por persoas con problemas auditivos, unhas 8.000 na cidade de Pontevedra.
O edil de Benestar Social, Marcos Rey, destacou que este servizo enmárcase dentro do convenio coa Asociación de Persoas Xordas de Pontevedra (APXP) e supón un "gran avance" para este concello.
A estrea destas dúas intérpretes coincide coa celebración o vindeiro xoves día 23 do Día Internacional das Linguas de Signos e coa conmemoración, prevista para este sábado 25 de setembro, do Día Internacional das Persoas Xordas.
A interpretación en lingua de signos do pleno pódese seguir tanto presencialmente no Teatro Principal como na retransmisión das sesións a través de Youtube.