O Pleno de Pontevedra, unha homenaxe unánime a María Victoria Moreno e a súa "profunda pegada" na cidade

Pontevedra
16 de marzo 2018

O Pleno da Corporación deste venres aprobou, con unanimidade de todos os partidos políticos, rebautizar co seu nome a actual rúa Jose María Fernández Ladreda. "Que mellor que unha rúa do seu barrio de Campolongo leve o seu nome?", preguntouse Bará, que relatou a "relación de amor apaixoada" que tivo con Pontevedra 

Sesión plenaria na que se aprobou de xeito unánime que María Victoria Moreno teña unha rúa en Pontevedra
Sesión plenaria na que se aprobou de xeito unánime que María Victoria Moreno teña unha rúa en Pontevedra / Mónica Patxot

María Victoria Moreno foi "unha persoa xenerosa que deixou profunda pegada nas persoas que a coñecía" e por fin terá en Pontevedra, a súa patria de adopción, o merecido recoñecemento á súa traxectoria e implicación na cidade. O Pleno da Corporación deste venres aprobou, con unanimidade de todos os partidos políticos, rebautizar co seu nome a actual rúa Jose María Fernández Ladreda. 

A decisión xorde dunha moción presentada polo grupo municipal do BNG, pero xa nos últimos días transcendera que todos os partidos políticos secundaríana. Coa aprobación unánime xa garantida, a sesión plenaria converteuse nunha pequena homenaxe no que representantes políticos municipais loaron a súa figura e a necesidade de que teña este recoñecemento

O concelleiro de Patrimonio, Luís Bará (BNG), foi quen definiu esa "profunda pegada" que deixou en todas aquelas persoas coas que tivo contacto durante os máis de 30 anos que residiu en Pontevedra. Pontevedresa de adopción, a profesora e escritora tivo unha total implicación "nas causas de defensa do ben común" e na defensa da cidade en xeral. 

"Que mellor que unha rúa do seu barrio de Campolongo leve o seu nome?", preguntouse Bará, ao tempo que relataba a "relación de amor apaixoada" que tivo María Victoria Moreno con Pontevedra, con Campolongo e cos veciños da localidade e definía esta nova rúa como unha homenaxe "xusta e necesaria" á autora homenaxeada no Día das Letras Galegas deste ano 2018. 

Ademais, aproveitou para facer unha declaración de intencións co compromiso inquebrantable do goberno municipal coa feminización do rueiro de Pontevedra e lembrar que xa houbo acordos previos no pleno para facer unha listaxe de 30 nomes para ir renovando o nomenclator da cidade con nomes de mulleres. 

O voceiro de Marea Pontevedra, Luis Rei, lembrou a relación persoal que tivo con María Victoria Moreno e que se trata dunha persoa que "fixo do galego e de Pontevedra a súa dupla nacionalidade" mentres que o seu homónimo do PP, Jacobo Moreira, fixo unha proposta para que a partir de agora se faga unha listaxe de nomes para as próximas rúas que se creen novas ou cambien de nome, contando para facelo cun grupo de expertos. 

O novo nome será oficial cun acto "simbólico" que se celebrará o Día das Letras Galegas e que porá fin a un pasado no que o rueiro de Pontevedra seguía a homenaxear ao militar e político Jose María Fernández Ladreda, ministro de Obras Públicas durante a dictadura franquista.