O pleno do Concello de Marín debateu este xoves unha moción contra a instalación na comarca do parque eólico presentado por Arena Power e "calquera outro que se pretenda instalar non futuro".
Tamén se solicitaba ao Concello a que promovese todas as accións legais e xudiciais para impedir a súa instalación, e que instase á Xunta a suprimir a área de Desenvolvemento Eólico do Morrazo do Plan Eólico de Galicia.
A moción foi lida no pleno polo presidente da Comunidade de Montes de Santomé, Daniel Rosales, pero a proposta saíu rexeitada ao impoñer o grupo municipal do Partido Popular a súa maioría.
Os populares votaron en contra da moción ao non ser aceptada a súa emenda de substitución ao texto proposto pola Plataforma Eólicos non Morrazo Non.
O PP defendía unha moción cun único punto que concentrase o rexeitamento do parque eólico presentado pola empresa Arena Power pero descartaba a proposta de solicitar a eliminación da área de Desenvolvemento Eólico na comarca.
Os edís do BNG e PSOE non aceptaron a substitución da moción, polo que o Partido Popular optou por votar en contra.
REACCIÓN DA PLATAFORMA
A Plataforma Eólicos no Morrazo Non, conformada por comunidades de montes, asociacións ecoloxistas, colectivos sociais de todo tipo e persoas individuais, considera que o voto en contra do PP á moción da plataforma é "vergoñento e irresponsable, e deixa a Marín como único concello da comarca onde a moción de rexeitamento aos macroparques eólicos non saíu aprobada".
Medio cento de persoas acudiron ao pleno municipal portando carteis reivindicativos.
Dende a plataforma non entenden as argumentacións do PP "porque neste proxecto están previstos muíños inicialmente na zona de Santomé de Piñeiro, pero, aínda que non fose así iso non evitaría que a instalación de muíños en concellos limítrofes non nos fose afectar en Marín, nin evitaría que nun futuro puideran amplialo a outras zonas".